Sunday 05 de May de 2024

A Xunta convoca un curso de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo para 12 persoas


— As persoas interesadas en matricularse poden facelo ata o 9 de agosto e as accións formativas impartiranse entre os meses de setembro e novembro

— Antes da realización do curso os matriculados deberán superar unhas probas físicas en piscina e someterse ao test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico

A Consellería do Mar vén de convocar un curso de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). O prazo de matrícula neste curso que conta con 12 prazas está aberto ata o 9 de agosto.
Esta acción formativa, que se impartirá na sede do Igafa, na Illa de Arousa, será entre o 15 de setembro e o 2 de novembro en horario de 9.00 a 15.00 horas. En concreto os días do curso serán o 15, 16, 17, 20, 21, 27, 28 de setembro; o 4, 5, 18, 19, 25, 26 de outubro e o 2 de novembro.

A finalidade desta formación é que as alumnas e alumnos matriculados poidan acreditar a súa capacidade para traballar nun plan de explotación a mergullo para extraer recursos específicos, como algas, ourizos, peneiras ou longueirón, entre outros.

Antes da realización do curso as persoas matriculadas deberán facer unhas probas físicas en piscina. O listado das seleccionadas para realizar as probas físicas publicarase o 25 de agosto no taboleiro de anuncios do Igafa e na web da Consellería do Mar. A data de realización das probas físicas será o 1 de setembro ás 16.00 horas. Unha vez superadas estas probas deberán realizar o test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico. Esta terá lugar o 14 de setembro ás 16:00 horas e as persoas candidatas que non superen esta proba quedarán automaticamente excluídas.

Para poder presentarse á proba da cámara hiperbárica, as interesadas e interesados deberán presentar un certificado médico que acredite a súa aptitude para realizar esta proba así como unha PCR negativa feita nas 72 horas previas á realización do test na cámara hiperbárica.

As persoas interesadas en matricularse nos cursos poden consultar os requisitos necesarios, a documentación que teñen que presentar, os criterios de selección e o material necesario para realizar os cursos na convocatoria que se pode consultar no taboleiro de anuncios do Igafa ou na web da Consellería do Mar